Wednesday, February 16, 2005

Madrix

Nesta nova versión almodovariana do filme dos Wachowsky, Neo (Ateneo) é un gris funcionario de facendas que sempre viste coma un cura por consello da súa nai.
Un día coñece á prostituta birolla Trini máis á Drag Queen cubana Mor Fea que o convencen de que un ordenador tolo chamado Madrix distorsionou a realidade.
A realidade tal como a coñecemos é un fraude. Especialmente a realidade sexual. O mundo está cheo de travestis, transexuais, drag queens, porteiras de edificios
e mulleres tan feas como Rossy de Palma. A benemérita creou este potente ordenador para asolagar á España ultramoderna na que vivimos no máis tópico cañi.
Axudado pola pastilla que lle dan, Neo acepta o seu papel mesíanico e enfróntase ó Guardia Civil Smint para rescatar ó país dos touros e o whisky Dic e crear
un val de discotecas de ambiente ata onde chegue a vista.
Reparto: Neo (Javier Cámara), Trini (Rossy de Palma), Mor Fea (Chus Lampreave de Negro e con 80 kg mais), Axente Smint ( Imanol Arias)

Tuesday, February 15, 2005

Pedrooooooo, Pedroooooooooo

Nun lugar da Mancha... Non, non, non. Moi fácil

Volvemos comezar. Non moi lonxe daquí vivían dous irmáns. Un era productor de cine e outro director. A maioría da xente só coñecía o irmán director pero sempre traballaban xuntos e queríanse moito. Un chamábase Pedrito e outro chamábase Gus. Pois estes dous mozos fixeran xa unha veintena de películas xuntos e só gañaran unha vez o Goya. Cousa ben rara porque calquera que fixera 20 películas en España merecía alomenos o Goya honorífico e unha Medalla ó Mérito do Traballo.

O raro do conto é que mentres practicamente tódolos directores con certo nome en España tiñan tantos Goyas que non sabían que facer con eles estes dous irmáns, Pedrito máis ben, tiñan varios Oscars, Césares,Premios do Cine Europeo, Baftas... E Pedrito estaba considerado como un culmen do cine contemporáneo á altura de Kariostami ou Woody Allen e un digno sucesor de Fellini ou Bergman. Sen embargo en España non se comía un colín.

Esta esquizofrenia España vs Resto do Mundo é aplicable a tantos asuntos que enumeralos sería tontería. Pedro e Gus despois dunha análise pola miudo decatáronse que o erro estaba non na posibilidade de que o Resto do Mundo malinterpretase as súas películas e tiveran unha visión grotesca de España senón no sistema de votacións da academia española de cine (que por certo é o mesmo sistema que a americana).

Tendo en conta que os travestis e os curas maricóns que aparecen nos seus filmes son os mellores embaixadores de España no mundo este francotirador desexa impartir xustiza a balazos e nos tres próximos días publicará os tratamentos dos posibles remakes de Pedrito de varios clásicos do cine universal. Espero que con esta medida de protesta se recoñeza a un tan minusvalorado director de cine e se colme de rosas a este humilde artista desprovisto de todo agiornamento e pleno de talento.

Monday, February 14, 2005

Hai algo máis sinistro que Michael Jackson?

Non digades que non tan rápido. Claro que hai algo moito máis sinistro que o propio Jacko, un pederasta multimillonario que se branqueou a pel ata que lle caeu o nariz e o seu mellor amigo é un chimpance chamado peebles, e ese cénit do tebroso son os seus fans.
Se sodes un pouco observadores a este fulano sempre o seguen unha corte de leprosos sociais que o adoran coma un novo mesías. Non sei exactamente onde se meten entre xuizo e xuizo pero por todo o mundo sempre aparecen uns personaxiños saídos dos máis duros anos 80 dispostos a morrer polo rei do pop. Unha máquina do tempo ou unha dieta alta en pepsi cola consegue que o seu aspecto físico, a súa roupa e a súa alma queden atrapadas no ano 1984 cando o artista publicou Thriller (por certo, o album mais vendido da historia). Seguen ancorados en Reagan, o break dance e nas Chicas de Oro e cando Jacko é acusado inxustamente non dubidan en botarse a rúa e bailar coma el: é dicir, tocandose os xenitais constantemente para comprobar que seguen aí.
Seguramente son persoas grises sen unha interese especial excepto cando Jacko é ameazado a unha moxigata sociedade que non entende os exquisitos gustos do artista. Michael, admitámolo, nunca nos poderá sorprender xa que por moito que se esforce nunca perderá o seu trono de emperador friki pero eses fans que loitan por salvar a súa honra contra a malvada sociedade que os abandoou no ano 1.989 merecen unha atención prioritaria.
Trátanse, en definitiva, dunha caste social a extinguir que dá os seus últimos bocexos . Pasan inadvertidos entre nós pero de seguro que na túa vila ou no teu barrio hai un pailán disposto a facer o moonwalk en calquera sitio o suficientemente público para que se rían del. Se é así coidao, é un ben público.

Tuesday, February 08, 2005

Alén do tunin

En Hamburgo decateime da internacionalización do fenómeno... Era un domingo ó mediodía e non había, ninguén, absolutamente ninguén pola rúa. De feito non dábamos atopado un sitio para comer a unha e media da tarde. Pasabamos por unha barriada prefabricada de horribles construccións marelas ó pé da ría cando oímos un ruido infernal que cada vez se acercaba máis cara nós. Como se dunha frecha deficientemente prateada se tratase pasou polo noso lado un vello mercedes (alí todo o mundo os ten) co equipo estéreo a todo meterlle. A miña memoria filtrou polo meu desagüe mental a melodía pero non o espírito.
Todos os coñecedes. Especialmente nas vilas pequenas xa que saen do seu tobo habitual: a aldea. Estades para cruzar un paso de peóns e vedes que un coche pasa de vagar (ou non tan de vagar) co último éxito do dance europeo ó suficiente volume para que todos nos enteremos. O conductor soe ser un solitario. Ás veces pode ir co colega, pero máis non soe ser o habitual.Escápanseme os motivos da soidade do conductor sonorizado (ou Sonic Driver se queredes globalizar o programa ou facerlle unha homenaxe a Sonic Youth) . Vai calado, moitas veces leva unha gorra, uniforme malote e cara seria. Existen similitudes evidentes entre estes conductores e os negros que patrullan os barrios baixos das urbes do tío Sam. Aínda que a violencia limítase no noso caso ó mal gusto musical.
As cuestións son moitas pero a que máis nos afecta ¿Por que teñen que ter a música tan alta? ¿Pretenden chamar a súa atención ou illarse nunha fusión coa música de O-zone ou de Don Omar da sociedade que os relegou a obreiros ben pagados que serven a universitarios cunha vida precaria? ¿E por que a música ten que ser tan mala? Estas cuestións, claro, están suxeitas á opinión e espero que vós participedes. As miñas teorías.
O da música tan alta é complexo. Eu relacionaríao cun complexo de superioridade dentro do útero automobilístico. Sabedes coma min o a mecanofilia de moitos rapaces, non é o primeiro ó que hai que despegarlle o trebello para mexar do tubo de escape de tanto amor que profesan ó seu aparato (si, vale ó seus dous aparatos). Non é un illamento é amosarnos que dentro dos seus coches son Deus e ninguén os pode parar. Respecto a por que a música é tan mala non tedes máis que sintonizar Cadena Dial ou Cadena 100. Nota: Ter coidado daquelas emisoras que empezan coa palabra Cadena.
É un problema global. Cando veu o meu cuñado, alemán, a Noia case o atropella un destes garrulos con Dale don Dale a todo meter dixo "Je,je, isto é igual en tódalas partes." Un arquetipo máis coma o imbécil do ximnasio ou a menopausica que se laia de todo. Personaxes dos que acabaremos falando nesta sección, claro está.
Que postura debemos adoptar ante estes seres. Aquí debo confesar que eu, sen carnet e mellor gusto musical, nunca amei a música demasiado alta e nunca tiven un coche guíado a unha velocidad. E quizais non haxa cousa que ambicione máis. Subirme nun ZX e exprimir o motor ata as súas últimas consecuencias con "Rock the Casbah" dos Clash a un volume que o puidese escoitar o propio Mahoma no máis alá. Percorrería Beverly Hills, Fifth Avenue e tódolos barrios dos ricos americanos e alomenos os despertaría do seu leito de rosas o sábado pola mañá. Trátase, claro está, do novo soño americano.

Tuesday, January 25, 2005

Full Monte

Dende un tempo a esta parte (que é como dicir un tempo indefinido só coutado por unha percepción) tendo a non queixarme e a tomar a vida dende un punto de vista positivo. A xente ten unha imaxe miña de rosmón e non van mal desencamiñados porque, postos á sacarlle a punta ás cousas, non sei nin por onde comezar.
A paz nirvanesca que me invade nestas últimas semanas provocada, sen dúbida ningunha, pola alienación laboral impídeme atopares tantas cuitas como antano, cando era un ocioso estudiante. Non obstante, non me traizoei a min mesmo e atopei unha excusa para o laio e a mala hostia e así non decepcionar á miña amiga que tan amablemente me convidou a participar.
Supoño que estaredes ó corrente de que os alumnos de maxisterio editaron un calendario onde o amosan todo salvo as súas reflexións máis íntimas sobre a fenomenoloxía alemana. (Xa sexa por pudor ou por non ter unha opinión formada sobre o tema) O caso é que si despelotáronse coma campeóns. Non puiden xulgar a calidade artística das fotos, nin o bo facer de modelos e talentos aínda que non agardo sorpresas dos universitarios que, como ben sabedes, son un saco con fondo por descubrir de talentos. A noticia, claro está, foi recollida polos meirandes formadores da opinión compostelá do noso tempo como El Correo Gallego ou Localia. Claro, non vin as entrevistas, nin lin as reportaxes, tampouco teño nada en contra de que mulleres fermosas (os homes tanto me ten) se ispan por gusto pero seguro que ninguén se preguntou a qué vén tanto despelote. E sobre todo... ¿quen adquire as obras? Os compañeiros morbosos da última fila que vén ós seus soños máis masturbatorios feitos realidade ou se cadra son as familias dos coitados que por vergoña despois de, ai, tantos esforzos por ter un universitario na familia ven que se adica a exhibir o embigo?
A bote pronto que eu recorde xogadores de fútbol de terceira división, anciás andaluzas que superaron cancros de mama, xogadoras de voleybol australianas, investigadores do csic, bombeiros de Bogotá e moitos outros máis que non me veñen á cabeza compartiron o seu cu cos demais cun afán lucrativo. E digo eu, non será moito despelote? Tedes vos un calendario deses na casa (na miña temos o de prenatal: non sei se a miña nai terá inclinacións pederásticas)? Se é así rachade con el. Se alguén se quere espir que o faga gratis et amore. Arrivederci amici.

Tuesday, January 18, 2005

VENDE-SE

Acho que alguém anda a buscar trabalho por ai, se nom nom se explica um jeito tam patético de se vender... Apunha-lhe melhores dotes para o marketing, vendo os abondossos possados fotográficos. Em fim, interessados, já sabem onde ir.


Opinión.- Columna invertebrada.- Ao meu quiosqueiro [13/1/2005 07:01]

Yolanda Castaño

Hai uns días, o meu quiosqueiro sorprendeume coa pregunta de se era eu a rapaza que tiña unha columna no xornal. Ao responderlle, el plantexoume axiña que se daquela tiña a carreira de xornalismo. Con ánimo, por suposto, de ser sincera e modesta díxenlle que non, que máis ben escribía no xornal porque o que eu era era escritora.
Non sei a percepción que disto tería o meu quiosqueiro. Tal vez a el lle parecía cousa extraordinaria unha licenciatura en xornalismo, tal vez moita fazaña para esta nova veciña, que vive nun portal tan normaliño, e que tal vez sexa unha intrusa ou algunha gata por lebre se é que consegue ter unha columna semanal no xornal que el mesmo vende. (Claro, eu non quixen poñerme a contarlle que non só teño unha licenciatura -aínda que sexa en filoloxía- ademáis de estudios audiovisuais e de cinco idiomas, que tiven un cargo e un premio nacional da crítica e un programa de televisión propio e cinco libros publicados, senón o que me parece máis importante: que levo dez anos traballando duro).
Para a xente da xeración e ámbito do meu quiosqueiro, ter unha carreira quizáis segue a ser heroicidade (antes até o era pagarlla ós fillos; nos meus tempos saiume gratis gracias á beca). Desde a miña perspectiva, xa non o é. O de verdadeiro mérito é o esforzo e o traballo mentres outros lacacean, e poñer un negocio propio, e erguerse cedo cada día, até os domingos, e facelo con iniciativa, constancia e tesón, exactamente como fai o meu quiosqueiro.

Tuesday, January 11, 2005

sniper_under


sniper_under
Originally uploaded by Francofranc.

BANG!

Cuidado! Tu que vas pola rua, tu que andas a dizer trangalhadas, tu que ficas calado, tu que ficas na casa.

Ando a trabalhar...